martes, 8 de novembro de 2011

"Así remata a vida e comenza a supervivencia"



En 1855 o cacique Seattle, da tribo Suquamish, do Estado de Washington, enviou esta carta ao presidente dos Estados Unidos (Francis Pierre), despois de que o goberno dera a entender que pretendía comprar o territorio ocupado por aqueles indios. A carta:

O gran xefe de Washington mandou dicir que quer comprar a nosa terra. O gran xefe tamén nos enviou palabras de amizade e bós desexos. Isto é moi amable da súa parte, pois nós sabemos que él non necesita da nosa amizade. Nós imos pensar na súa oferta pois sabemos que, de non facelo así, o home branco virá coas armas e quitaranos a nosa terra. O gran xefe Seattle dí: “O gran xefe de Washington pode verdadeiramente confiar en nós, do mesmo xeito que os nosos irmáns brancos confían no retorno das estacións. As miñas palabras son coma as estrelas: nunca se deteñen.


¿Como se pode comprar ou vender o ceo, a calor da terra? Esta idea énos extraña. Nós non somos donos da pureza do ar ou do brillo da auga, logo...¿Como no-los poden comprar?. Toda esta terra é sagrada para o meu pobo. Cada folla relucinte, tódalas praias, a néboa nas fragas escuras, cada clareira e tódolos zunidos dos insectos son sagrados nas tradicións e crenzas do meu pobo.


Sabemos que o home branco non comprende o noso xeito de vida. Para el un anaco de terra e igual ao outro. Porque el é un extraño que ven pola noite e roúballe á terra todo. A terra non é a súa irmá, nen a súa amiga. Despois de esgotala, abandónaa, ainda que nela deixe a sepultura do seu pai. Esquilma a terra dos seus fillos. Nada respecta. Esquece os antepasados e os dereitos dos fillos. A súa avaricia empobrece a terra e deixa tras sí os desertos.


As súas cidades son un tormento para os ollos do home vermello, máis se cadra isto é así porque o home vermello é “un salvaxe que nada comprende...”.Non se pode atopar paz nas cidades do home branco. Nin lugares onde escoitar o zunir das follas das árbores e das ás dos insectos. Tal vez por ser “un salvaxe que nada entende” o barullo das cidades é terrible para os meus oidos. ¿E que especie de vida é aquela na que o home non pode ouvir a voz do corvo nocturno ou a conversa dos sapos na charca?. O indio prefire o suave murmurio do vento sobre o espello da auga e o propio cheiro do vento purificado pola chuvia do mediodía e o recendo dos arumes dos pinos. O ar é precioso para o home vermello, porque tódolos seres vivos respiran o mesmo ar: animais, árbores, homes. Ao home branco non parece importarlle o ar que respira: coma un moribundo, é insensible ao mal cheiro.

Se eu me decido a aceptar a proposta do home branco fareino con esta condición: o home branco debe tratar aos animais coma se fosen os seus irmáns. Eu son un salvaxe e non comprendo que poda ser outro o trato. Vin milleiros de búfalos apodrecendo nas praderías abandonados polo home branco que os abatía a tiros disparados dende o tren. Son un salvaxe e non comprendo como un fumeante cabalo de ferro pode ser máis valioso ca un búfalo que nós, peles vermellas, matábamos só para poder sobrevivir. ¿Que é o home sen os animais? Se tódolos animais morresen o home morrería dunha grande depresión do espírito, porque todo o que lles acontece aos animais poderá tamén acontecerlle aos homes. Todo canto fire á terra, fire tamén aos fillos da terra.


Os nosos fillos viron ós seus pais humillados na derrota. Os nosos guerreiros sentiron vergoña e, tra-la derrota, pasan o tempo ociosos e envelenan o seu corpo con doces comidas e bebidas ardentes. Pouco importa onde pasaremos os nosos derradeiros días, non somos moitos. Unhas poucas horas, uns poucos invernos e ningún dos fillos das grandes tribos que viviron nestas terras ficará para chorar, sobre as sepulturas, a un pobo que un día foi tan poderoso e cheo de confianza coma o noso.

Unha cousa sabemos: que o home branco tal vez un día descubra que o noso Deus é o seu. Vostedes pensan agora que o posuen, como desexan posuir a nosa terra. Mais non pode ser. El é Deus de todos e quer igual ao home vermello e ao home branco. A terra é algo moi preciado para El. Causar dano á terra é demostrar desprezo polo Creador. O home branco tamén vai desaparecer, se cadra, ainda máis a presa cas outras razas. Segan a contaminar a súa propia cama e afogaran unha noite no seu propio deserto. Despois de abatido o derradeiro búfalo e domados tódolos cabalos salvaxes, o recanto segredo da fraga pisada coa esencia de moitos homes e os outeiros escarpados cheos dos murmurios das esposas ¿Onde ficarán? Nada quedará. ¿E as aguias? Tampouco estarán. Dicir adeus a voar, cazar... será o fin da vida e o comenzo da loita pola supervivencia.


Tal vez comprenderíamos os soños do home branco se soubésemos que esperanzas transmite aos seus fillos nas longas noites de inverno, que visións de futuro lles ofrece para que podan construir os seus desexos do día de maña. Pero nós somos salvaxes. Os soños do home branco están ocultos para nós, por iso temos que escoller o noso propio camiño. Se consentimos o acordo é para garantir as reservas que nos prometestes. Alí quizais poidamos vivir os nosos últimos días como desexamos. Despois que o derradeiro pel vermella desapareza da terra e a súa memoria sexa somente a sombra dunha nube atravesando as pradarias, a alma do meu pobo continuará a vivir nestas fragas e ribeiras porque nós amámoas coma un recén ama o bater do corazón da súa nai.

Se te vendemos a nosa terra, ámaa coma nós a amamos. Protéxea coma nós a protexemos. Nunca esquezas como era a terra cando dela tomaches posesión. Con toda a túa forza, o teu poder e todo o teu corazón consérvaa para os teus fillos e ámaa coma Deus nos ama a todos. Unha cousa sabemos: o voso Deus e o noso é o mesmo. Esta terra é querida por El. Ningúen, nen o home branco, pode evitar o noso destino común.

Ningún comentario:

Publicar un comentario